João Rodrigues, fotóxornalista de National Geographic
O portugués João Rodrigues é un dos relatores máis esperados que teremos o pracer de recibir nas Xornadas deste sábado no CENIMA en Foz. João é un dos fotoxornalistas máis afamados da Península con numerosos traballos internacionais sobre conservación mariña a través da fotografía.
João Rodrigues é Licenciado en Bióloxia Mariña. Especializado en Biodiversidade e conservación mariña no Erasmus Mundus Master in Marine Biodiverstity and Conservation. Fotógrafo para diversos medios entre eles National Geographic Portugal. Este ano recibiu o segundo Premio “Underwater Photographer Of The Year ” na categoría de Conservación Mariña. Colaborador en compañas internacionais de fotografía subacuática e documentais como “Europe´s Wild Islands” de National Geographic Channel ou “Blue Planet 2” da BBC, entre outros.
Actualmente traballa en proxectos para promover o patrimonio natural somerxido de Portugal e outras zonas do mundo colaborando con diversas ONG e universidades.
A intervención de João Rodrigues, titulada “Fotografar para conservar” terá lugar este sábado 22 de xuño ás 13.30 h no CENIMA en Foz.
João falará do papel da fotografía como ferramenta de conservación ambiental. A fotografía ten o poder de dar voz ás especies e lugares salvaxes que se enfrontan a ameazas en todo o mundo, dende a contaminación e fragmentación de hábitats ata a captura ilegal e alteracións climáticas. É tamén unha forma única de ilustrar como as persoas interactúan, dependen e valorizan a natureza. Veña descobrir, con João Rodrigues, o poder da narrativa visual.